Saturday 04 de May de 2024

Entra en vigor o orzamento municipal de San Sadurniño


 

Tras superar o prazo preceptivo de exposición pública, as contas de San Sadurniño para o presente exercicio xa están en vigor. A relación de ingresos e gastos -divididas en cadanseu capítulo- ascende a 3.023.807,32 € euros de ingresos e gastos, o que supón un incremento ao respecto do ano anterior dun 7,61%. A suba, cifrada nuns 200.000 euros, responde principalmente á previsión de incrementar en 4.000 horas anuais o Servizo de Axuda no Fogar e tamén a unha maior dotación para o tecido deportivo e cultural do municipio e para axudas sociais.

A publicación da aprobación definitiva dos orzamentos saiu na edición de hoxe do Boletín Oficial da Provincia. Na proposta da alcaldía que se someteu a votación o pasado mes de novembro descríbe as contas como “austeras”, aínda que tamén se sinala a preservación da prestación de servizos públicos “conxelando un ano máis todos aqueles impostos e taxas”, agás no caso do IBI e o IAE, que desde este ano contan con varias bonificacións e exencións. Con todo, tal e como indica o documento, os ingresos por “contribución” aumentarán debido ao varrido de regularización catastral -o denominado “catastrazo”- executado polo Ministerio de Facenda.

A descrición orzamentaria que se presentou ao pleno tamén incide en que os máis de 200.000 euros que medra con respecto a 2018 “serán absorbidos” principalmente por “investimentos nas diferentes parroquias”, pola atención á dependencia -70.000 euros a maiores-, por un aumento da dotación para entidades e tamén nos recursos destinados “ás persoas máis vulnerables”. De feito, as axudas a emerxencia social incrementan a partida ata os 10.000 euros, ademais de reservar 21.000 para entidades culturais e outros 46.500 para convenios nominativos co Aldebarán, o CF San Sadurniño, Biela e Chaveta, a Casa do Mel, a Asociación Galega da Froita Autóctona e a Asociación A Cortiña. Volven manterse as axudas do 50% no imposto de construcións instalacións e obras para quen constrúa ou rehabilite vivenda no municipio nunha zona que non conte con servizo de abastecemento de auga.

Os apartados de maior peso son o de persoal -o 37,9% do total e un chisco inferior ao ano pasado-, o gasto corrente, que se sitúa nos 977.000 euros e o capítulo de investimentos reais -24%-, onde hai unhas previsións iniciais de 735.000 euros con posibilidade de que aumenten ao longo do exercicio cunha maior achega doutras administracións. Nesta última contía compútanse todas as obras previstas no POS+ e tamén o convenio para avanzar na consolidación do castelo de Naraío.